Thursday 18 de April de 2024

A Xunta apoia a adquisición dun novo vehículo para o Servizo Municipal de Emerxencias e de Protección Civil de Ribeira


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o concello, ao que leva destinados máis de 910.700 euros a través de distintas liñas de axudas da Vicepresidencia Primeira

O novo vehículo empregarase en labores ambientais deste servizo como a prevención e extinción de incendios, a retirada de niños de vespa velutina ou o control dos puntos de vertidos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o concello de Ribeira, ao que a Xunta apoiou o ano pasado cunha axuda de 32.000 euros para adquirir un novo vehículo destinado ás labores ambientais do servizo municipal de emerxencias e Protección Civil.

A colaboración co concello enmárcase nos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, ao que , ao que a Xunta destina 11 millóns de euros na convocatoria deste ano. No marco deste fondo, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables,da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

Natalia Prieto destacou que este novo vehículo está a ser empregado polos efectivos do servizo municipal de emerxencias e Protección Civil en labores de protección do medio ambiente como a prevención e extinción de incendios, o desbroce e coidado do monte, a retirada de niños de vespa velutina ou de animais mortos, ademais do control dos puntos de vertidos e de especies protexidas. A Xunta dá así resposta á demanda do municipio que precisaba para este servizo con urxencia un novo vehículo tras a avaría doutro do seu parque móbil.

Lembrou que a colaboración entre a Xunta é os concellos é máis importante aínda neste escenario marcado pola covid-19 para axudarlles a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da pandemia. Neste caso, o servizo municipal de emerxencias multiplicou as súas actividades relacionadas coa covid-19, o que supuxo tamén un maior uso dos vehículos dispoñibles.

A Administración autonómica vén colaborando nos últimos anos co concello de Ribeira na mellora de infraestruturas como as dependencias da Casa Consistorial, ou as instalacións deportivas do municipio, así como na pavimentación de varios camiños. Tamén colaborou na contratación de auxiliares para reforzar a plantilla da Policía Local e en melloras ambientais tanto de saneamento como no acondicionamento de espazos naturais. O investimento total da Xunta no municipio a través das distintas ordes da Vicepresidencia Primeira acada supera os 910.700 euros.